Dicionario Etimolóxico Galego - presentación

Desde os anos sesenta, o célebre romanista Harri Meier (moi vinculado coa filoloxía galega xa que discípulos de Meier trouxeron a renovación da filoloxía románica a Galicia) comezou a elaborar un dicionario etimolóxico galego, proxecto case rematado na vida de Meier pero nunca publicado xa que nos anos oitenta, no momento do falecemento de Meier, aínda faltaban por revisar algunhas fichas.
No ano 2005, conseguimos a través dun contacto co profesor Dieter Woll (Marburgo) e pola xenerosidade da doutora Sigrid Buschmann de Gelós, antiga colaboradora do proxecto do Dicionario, os ficheiros, que foron trasladados a Tubinga. A sorpresa foi grande cando vimos que o material era case completo e que o maior problema dese dicionario era o seu estado físico: fichas soltas difícilmente manexables. O noso primeiro obxectivo foi, pois, pasar a un estado diferente as fichas, dixitalizándoas. Despois de acabado ese traballo, caberían distintas posibilidades de continuación:

- publicación en liña do material de Harri Meier
- publicación en forma de libro do material de Harri Meier
- continuación do traballo, actualizando o material de Harri Meier sobre a base de datos existentes na actualidade

A primeira fase do traballo está moi avanzada. Creamos unha base de datos coas particularidades das fichas de Meier, engadindo algunhas informacións suplementarias. No fondo, o primeiro paso tiña que ser a reproduccion fiel do material das fichas en versión electrónica. Aínda que o material de Meier en parte careza de actualidade xa que Meier e os seus colaboradores non podían contar coas informacións lexicográficas actuais, pareceunos importante salvar ese material na súa integridade por aspectos de documentación historiográfico-lingüística. Ademais, a dixitalización do material permite facilmente gardar varias versións do dicionario.

A disposición do material en fichas electrónicas ten o seguinte aspecto:



A base son as fichas de Meier e os seus colaboradores, como no seguinte exemplo:


O número do encabezado refírese ó REW; segue o etimo e as formas galegas derivadas del, seguido por un comentario sobre a orixe e algunhas indicacións bibliográficas. No banco de datos, estas informacións reprodúcense da seguinte maneira:



Engadimos un segundo nivel de comentarios, como no seguinte exemplo:



Actualmente (abril de 2010), dispoñemos de case 5000 fichas electrónicas correspondentes a unhas 20.000 formas galegas. Este banco de datos é a base de tódolos traballos seguintes, que concretamos a continuación:

- a) completar o banco de datos
- b) revisar o banco de datos
- c) preparar a publicación en liña e a publicación impresa
- d) revisar o material e actualizalo
- e) preparar a publicación en liña actualizada coa inclusión do material actualizado

Para calquera información, diríxase a Johannes Kabatek, Universidade de Tubinga



Agradecementos: Queremos da-las grazas a unha serie de persoas que fixeron posible que este proxecto nacera e que chegara ao seu actual estado de realización:
- ao profesor doutor Dieter Woll, da Universidade de Marburgo, quen tivo a iniciativa de facer renacer un proxecto en perigo de perderse no esquecemento;
- á doutora Sigrid Buschmann de Gelós, que puxo á nosa disposición os ficheiros e aconsellounos explicando os secretos das siglas das fichas
- ao doutor Paul Gévaudan, quen, alén de lingüista e etimólogo, e tamén un forofo da informática e programou a primeira versión da base de datos
- a Christina Bouwmeester e Albert Wall, colaboradores incansables que dixitalizaron as fichas
- ao profesor doutor Manuel González González polo seu firme apoio persoal e institucional e pola súa confianza neste proxecto
- ao doutor Anxo Lorenzo Suárez e a SXPL polo apoio financeiro
© 01.04.2010 | Mellor visibilidade a partir de 1024 x 768 pixels